Thursday 02 de May de 2024

O grupo socialista acusa á Xunta de “deixadez de funcións, trato discriminatorio e obstrucionismo” para solucionar o problema de aparcadoiro no CHUS


Mercedes Rosón insiste en que se puxeron solucións enriba da mesa “rotación das prazas existentes, transporte colectivo para os traballadores do CHUS e unha parcela para un aparcadoiro realizable” fronte a unha Xunta instalada en “escusas de mal pagador”

O grupo socialista esixiu este martes á Xunta unha alternativa de aparcadoiro logo de amosar o seu rexeitamento á parcela que o goberno socialista lle cedera para a construción dun aparcadoiro de 420 prazas nas inmediacións do CiMUS, a 50 metros do Clínico. Mercedes Rosón acusa á administración autonómica de “obstrucionismo por sistema” ante os continuos “peros e trabas” que, denuncia, sufriron as diferentes propostas que se fixeron desde Raxoi.

A concelleira socialista insiste en que a Xunta “ten que cumprir, non só con Santiago” senón “cos 450 mil galegos e galegas que son usuarios de este hospital”, recordando que a cidadanía de Santiago supón só o 20% dos pacientes do CHUS. Rosón afirma que, efectivamente “se non quere aceptar a parcela que nós lle cedemos por valor de 6 millóns de euros está no seu dereito” pero, matiza, “ten que ofrecer unha alternativa e financiala”.

Insiste Rosón en que desde Raxoi están “no seu dereito tamén de reclamar un trato igual ao das outras cidades” nas que, recorda, a ampliación do hospital vai acompañada dunha solución de aparcadoiro: “se hai 14 millóns para o aparcadoiro e a cafetería de Montecelo en Pontevedra, tamén terán os 4,8 que nos reclaman ao Concello”.

“Nós puxemos solucións enriba da mesa: rotación das prazas existentes, transporte colectivo para os traballadores do CHUS e unha parcela para un aparcadoiro que se pode acometer de xeito moi rápido” ante o que a Xunta, critica, optou pola “deixadez de función e un trato discriminatorio”.